Medicina e Literatura

Palabras que sandan

—Sobre medicina e literatura—

A todas as persoas que dende o mundo sanitario coidan de nós heroicamente

Nas últimas semanas fíxose máis presente ca nunca nas nosas vidas o labor heroico de sanitarias e sanitarios. Os hospitais son campos de batalla onde se libra unha guerra sen cuartel contra o coronavirus e todas as persoas que por nós velan neles son as nosas mellores amazonas e espartanos, loitando en condicións ben duras contra un inimigo que a súa profesionalidade e xenerosidade vencerá, non me cabe ningunha dúbida.

O mundo da medicina e a figura da sandadora ou sandador formaron parte da literatura dende a noite dos tempos. Certamente, dende a Antigüidade son innúmeras as aparicións literarias desta temática e personaxes, aínda que, xaora, no pasado con outros nomes: druídas, meigas, físicos, esculapios, compostoras, galenos, menciñeiros…

A medicina moderna, tal como hoxe a entendemos, enraíza no século XIX. Dende aquela ata hoxe moitos grandes escritores exerceron ou se formaron como doutores: Keats, Chekov, Conan Doyle, Ibsen, Joyce, Brech, Cronin, Baroja, Celine, Maugham ou Martín Santos, por poñer só algúns exemplos que se me veñen agora á memoria.

Tan estreita ten sido esta relación medicina-literatura que hai obras clásicas que incorporan descricións ou pasaxes que se estudan nas facultades de Medicina como paradigma para mellor coñecer a percepción sintomatolóxica dalgunhas doenzas e fomentar a empatía dos profesionais da medicina cos enfermos. Así acontece, poño por caso, coa lectura do capítulo de Anna Karenina de Tolstoi que describe a morte por tuberculose do irmán do heroe da novela, Lëvin, un episodio baseado na morte do irmán do propio Tolstoi; ou A morte de Iván Ilyich, tamén de Tolstoi, que axuda aos estudantes a entender o que pasa polas mentes dos pacientes terminais e os seus familiares.

Mesmo ten ocorrido que a profesión médica e a plasmación dos seus saberes acabe contribuíndo a asentar un xénero literario. É o caso da novela detectivesca dun fundador como Conan Doyle, un excelente médico que puxo os seus dotes de observador forense e patolóxico ao servizo dunha narrativa que mudou a bata branca e o fonendoscopio pola gorra con viseira e a cachimba meditativa.

Déronse casos tamén de obras literarias que provocaron que a medicina do seu tempo avanzase e cambiase de rumbo. Pénsese, por exemplo, en A cidadela de A. J. Cronin, unha narración que describe con admirable transparencia a terrible realidade social e sanitaria que padecían os mineiros galeses de principios do pasado século. O impacto que causou a súa lectura foi tan grande que obrigou ao goberno do Reino Unido a crear os National Healt Services (NHS), a primeira organización gobernamental que ofreceu asistencia sanitaria á poboación.

Outro exemplo: John Le Carré publicou no 2001 O xardineiro fiel, unha novela que foi levada ao cinema no 2005 por Fernando Meirelles e que gozou de grande éxito. A historia relata as intrigas das multinacionais farmacéuticas que empregan as doenzas endémicas dos africanos como campo de probas para os seus experimentos. Pois ben, tan estarrecedora narración logrou remover as conciencias ata o punto de que na Declaración de Helsinqui, guía ética para a comunidade médica mundial, na súa revisión do 2013, acabou incorporándose un parágrafo para evitar que os feitos descritos na obra poidan afectar á poboación do terceiro mundo.

Capítulo á parte merecerían aquelas obras nas que o mundo médico e/ou hospitalario cobran protagonismo principal, autenticamente incontables. En centurias precedentes e na pasada, son celebérrimos os casos de Molière, moi crítico cos galenos en O enfermo imaxinario e, sobre todo, en O médico a paus; as patoloxías psiquiátricas que están na base de O estraño caso do doutor Jekyll e Mr. Hyde de Stevenson; O tío Vania de Chekov, que narra o día a día do doutor Ástrov; A montaña máxica de Thomas Mann, que ocorre toda ela nun sanatorio de montaña en Davos, Suíza; A árbore da ciencia de Baroja, delongada conversa entre o protagonista Andrés Hurtado e seu tío o doutor Iturrioz; a difícil vida de Pedro, o investigador sobre o cáncer protagonista de Tempo de silencio de Martín Santos; ou, por rematar cun par de exemplos máis recentes, o bestseller O médico de Noah Gordon, moi coñecido tras o seu paso pola gran pantalla, e Sobre os ríos que van, do portugués António Lobo Antunes, protagonizada por un tal António Antunes dende a cama dun hospital no que está recuperándose dun cáncer de colon, enfermidade que acababa de superar o propio escritor.

[Faro de Vigo, 30-4-2020]

Leave a Reply

Obrigado por te juntares à Tribo!

Algo está errado! Tenta de novo, por favor!

A Casa do João will use the information you provide on this form to be in touch with you and to provide updates and marketing.
%d bloggers like this: