Literatura hixiénica

Nestes días de treboada vírica puidemos asistir a un espectáculo inusitado e de non moi doada explicación: os lineais dos supermercados víronse arrasados e non ficou neles nin un só rolo de papel hixiénico. Destarte, o papel de váter acabou por se converter nun produto cobizado, un valor de mercado en alza, sorte de ouro de celulosa que tal semella estivo a un tris de cotizar por riba do prezo do petróleo.

Sabe Deus ou o Demo cal sería o destino de tantiño papel, pero, postos a darlle voltas e procurarlle utilidade a tamañas reservas que han de durar nos fogares un eón, ocorréuseme que talvez non estaría mal que a alguén entre nós lle dese por proseguir a nobre arte da escrita literaria en soporte papel hixiénico.

E si, lestes ben: aplicarse á escrita en rolo de papel, á arte en celulosa para inodoro, ou sexa, á literatura hixiénica. Porque a Historia Universal da Literatura, dende as súas orixes ata o noso tempo, tivo e ten moitos soportes alén do papel convencional e cómpre saber que arredor do rolo hixiénico existe un ben curioso microcosmos literario, que abrangue dende ensaios teóricos sobre este ata revistas con tal nome, pasando por editoriais que o levan por bandeira.

Ben claro o tiña o pensador R. H. Nieber, quen chegou a escribir unha longa disertación titulada “The Toilet Paper” reflexionando nestes termos: “Publicáronse mil e un ensaios sobre a inmortalidade dos efemerópteros, sobre os riscos da escopeta, sobre a controvertida teoría da orixe das especies de Darwin. Por que un ensaio sobre o papel hixiénico non podería recibir coñecemento nin ser premiado?”.

Singular é tamén a existencia da revista Papel higiénico, que dirixiu a comezos dos oitenta do pasado século o poeta boliviano Humberto Quino Márquez (director así mesmo doutras non menos orixinais cabeceiras como Humus literario, Tiro al aire, La torre de los locos ou Camarada Mauser), por non falar do Bathroom Readers’ Institute, fundado nesa mesma década e no que se publicou un número importante de títulos ideados para a súa lectura no escusado, tal como acontece coa serie Uncle John’s Bathroom Readers, que xa superou a trintena de entregas.

E para os que pensen que isto non deixan de ser extravagancias ianquis é ben lembrarlles que no 2008 unha empresa española (Literaturaenpapelhigienico) lanzou ao mercado rolos de papel nos que aparecían, entre outros, o Romancero gitano de Lorca, as Rimas y leyendas de Bécquer, fragmentos da Biblia e contos de Poe, lecturas coas que un podía marchar ao retrete ao módico prezo de 3,9 euros rolo.

Quen chegase lendo ata aquí pode que estea a pensar: si, todo ben excéntrico, pero literatura, o que se di literatura escrita en papel hixiénico, non hai. Pois vén a propósito recordar agora que o derradeiro que escribiu o poeta Miguel Hernández cando estaba recluído no Reformatorio de Adultos de Alacante foron catro contos para que a súa muller llos dese ao seu filliño: “El potro oscuro”, “El conejito”, “Un hogar en el árbol” e “La gatita Mancha y el ovillo rojo”. Entre xuño e outubro de 1941 escaravellounos como puido sobre seis pequenas follas de papel hixiénico, cosidas na súa parte superior por un fío de cor ocre. Foron o seu testamento literario, no marzo seguinte deixounos para sempre.

Hai máis exemplos de literatura hixiénica en tempos de guerra e confinamento. Abondará con traer aquí a memoria de Edward Sigrist, o soldado da I Guerra Mundial que con apenas vinte anos redactou un diario bélico nunha codificación taquigráfica que foi descifrada e publicada no 2012. Ou o caso de Petter Moen, quen escribiu en 1944 unhas memorias sobre o estarrecedor cativerio que sufriu no cuartel da Gestapo en Oslo. Unhas memorias, por certo, que se fixeron coñecidas sobre todo logo de ser publicadas en 1952 na revista Le Temps Modernes que dirixía Jean-Paul Sartre.

Poderían aínda aducirse outras mostras que confirman os nobres servizos que o papel hixiénico prestou a todo tipo de literatura (pénsese no célebre Habeas Corpus que o boliviano Reynaldo Peters escribiu en maio de 1972 cando, preso durante a ditadura militar de Hugo Banzer, loitaba pola liberdade, un documento legal do que se ten ocupado o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel, verbo do que se fixeron estudos e escribiron monografías e que forma parte do Rexistro Memoria do Mundo de América Latina e do Caribe), mais conformareime con achegar un último exemplo coido que abondo ilustrativo: no ano 2009 unha das obras que causou sensación en Xapón foi a novela Pinga de Koji Suzuki, que chegou a vender máis de 80.000 rolos converténdose nun auténtico best-seller. A novela, que se comercializou tanto na sección de produtos do fogar coma nas librerías, narraba ao longo de oitenta e oito centímetros de follas hixiénicas —que se repetían trinta e catro veces ata completar o rolo— unha historia de terror psicolóxico vivida, precisamente, nun baño.

E el haberá alguén por estes lares a quen lle dea por facer algo parecido? Digo eu que con tanto papel hixiénico bunkerizado nas casas aínda dará para varias escritas e reescritas…

Leave a Reply

Obrigado por te juntares à Tribo!

Algo está errado! Tenta de novo, por favor!

A Casa do João will use the information you provide on this form to be in touch with you and to provide updates and marketing.
%d bloggers like this: