Epidemias na literatura

Vivimos estes días sumidos nunha alerta de escala planetaria por mor da aparición dunha preocupante enfermidade na rexión chinesa de Wuhan: o coronavirus. A súa propagación ten causado xa centos de mortes e son milleiros os infectados, que ameazan con seguir en aumento e converter o mal nunha auténtica pandemia.
Dende a máis remota Antigüidade, a literatura espellou as preocupacións e os temores dos pobos, rexistrando todo tipo pragas e epidemias: peste, cólera, lepra, tuberculose, tise, tifo, gripe, sida, ébola e outras enfermidades.
A Ilíada de Homero principia, xustamente, no momento no que, tras nove anos de guerra entre troianos e aqueos, no campamento destes últimos se desata unha epidemia de peste. E, do mesmo xeito, no Edipo Rei de Sófocles a traxedia ten lugar estando Tebas asolada pola peste.
Tamén nas máis grandes obras da Idade Media estiveron presentes estes males. Velaí o Decamerón de Boccaccio, conxunto de contos que se contan entre si sete mulleres e tres homes da burguesía cando foxen da cidade ao campo para salvarse da peste que arrasa Florencia. E outro tanto acontece co celebérrimo Cancioneiro de Petrarca, que este dedica, tronzado pola dor, á súa amadísima Laura tras saber que esta aparecera entre os cadáveres da peste en Aviñón. Dese mesmo tempo é outro dos monumentos da literatura europea: Os contos de Canterbury, de Geoffrey Chaucer, onde se atopan múltiples referencias á peste, moi próxima ao autor, pois un tío-avó seu morreu dela.
Un dos pioneiros da novela en lingua inglesa, Daniel Defoe, escribiu Diario do ano da peste, un arrepiante relato que narra a epidemia de peste que sufriu Londres entre 1664 e 1666 e que acabou coa quinta parte da súa poboación. E non menos témera resulta O último home de Mary Shelley, que imaxina un mundo futuro onde toda a humanidade pereceu por mor dunha estraña epidemia da que só fica un supervivente para contala.
O mestre do relato Edgar Allan Poe —que veu como súa nai morría de tuberculose, seu irmán e a súa muller de cólera e que viviu unha epidemia en Baltimore— escribiu o conto gótico A máscara da Morte Vermella, onde uns cortesáns marchan a unha abadía fortificada tentando salvarse dunha epidemia ata que é a propia Morte Vermella a que se lles aparece durante un baile de disfraces.
Un dos máis grandes narradores de aventuras de todos os tempos, Jack London, recreou en A praga escarlata un mundo futuro onde a Terra é devastada por unha pandemia que volvía a pel desa cor antes de sobrevir a morte. Nese mañá apocalíptico tan só fican uns poucos humanos que loitan por seguir con vida e contan aos máis novos como era todo antes da imparable propagación da enfermidade.
Inesquecible é tamén A morte en Venecia de Thomas Mann, co escritor Gustav von Aschenbach deambulando namorado polas súas rúas tras do fermoso Tadzio, negándose a ver que o cólera indio é o responsable da súa cabeza ardente, o tremer de pernas e a insaciable sede da morte que se acerca.
Na nosa memoria ha quedar para sempre o doutor Bernard Rieux en A peste de Albert Camus, loitando contra a epidemia en Orán, na compaña dos infatigables Tarroux, Rambert e Grand. E o mesmo O amor nos tempos do cólera de Gabriel García Márquez, a historia do inmortal amor de Fermina Daza e Florentino Ariza co escenario de fondo da epidemia de cólera que castigou Cartaxena de Indias en 1849. Por descontado tamén o Saramago de Ensaio sobre a cegueira, a novela na que unha misteriosa epidemia fai que toda a poboación non só se volva cega, senón que, amais, estea cega a todo o que nos define como seres humanos.
Á nómina poderían aínda engadirse populares best sellers dos últimos lustros, como, entre outros, os asinados por Stephen King en Apocalipse (virus gripal planetario); Robin Cook en Vector (cepas víricas que ameazan os Estados Unidos), Contaxio (gripe acabando con Nova York), Epidemia (o ébola desatado) ou Invasión (meteoritos que nos traen unha doenza extrarrestre); a escritora de ciencia ficción Connie Willis e o seu O libro do Día do Xuízo Final (cunha dobre praga a mediados do XXI e na Inglaterra do XVI); a australiana, Premio Pulitzer, Geraldine Brooks en O ano da peste, que relata a peste bubónica dun pequeno pobo inglés en 1966.

(Publicado no Faro de Vigo, 20-2-2020)

Leave a Reply

Obrigado pr subscreveres a nossa página!

Algo está errado! Tenta de novo, por favor!

A Casa do João will use the information you provide on this form to be in touch with you and to provide updates and marketing.
%d bloggers like this: